VOLVERVOLTAR

Número 9:   
ERGUENDO FOGARES LONXE DO LAR
  Lionel Rexes Martínez

Este traballo, que non é outra cousa ca unha compilación de datos, tirados das fontes que se citan no remate, foi confeccionado para unha revista de cultura local da bisbarra do Valadouro (Concello de Alfoz, Concello do Valadouro, e parroquias de Santo Acisco e Santa Cilla, actualmente baixo administración do Concello de Foz), chamada O Prado das Chantas e editada pola asociación cultural Liga Céltiga Galaica.

ERGUENDO FOGARES LONXE DO LAR, foi concibido coma unha homenaxe á sociedade de instrución EL VALLE DE ORO, nada na Habana en 1907 e responsábel da construción de varias escolas na bisbarra do Valadouro. A devandita entidade segue a existir na actualidade, e no ano 2007 celebra o seu centenario.

 

Hijos del Valle de Oro en La Habana”: GRAZAS POLA MEIRANDE ESCOLA.

“A gran épica dos galegos é a emigración. Cada nación ten a súa aventura colectiva. Hai pobos que constrúen o seu relato histórico (a súa identidade) sobre a conquista e a guerra, cheo de batallas e de xenerais. Outros somos máis modestos, ou máis sabios, non sei.”
VÍTOR F. FREIXANES

 

O pasado 3 de xuño, reuníronse un bo grupo de persoas, procedentes na súa meirande parte dos colectivos locais (culturais, veciñais, etc.) convocados expresamente por uns poucos veciños, co gallo do centenario da sociedade de emigrantes “El Valle de Oro”, nada en La Habana no ano 1907.
A idea primixenia e máis a primeira en abrollar na xuntanza, foi a do agradecemento, a da necesidade de dar as grazas a unha colectividade que soubo comezar investindo en cultura, remesando inxentes cantidades de diñeiro para a construción de escolas.
Unha sociedade filantrópica que nos achegou o meirande exemplo de solidariedade, adiantada ao seu tempo en moitos casos, cunha extraordinaria visión de futuro e cun marabilloso senso da xenerosidade, sabedora de que a ignorancia é o mellor caldo de cultivo para o caciquismo, o despotismo e o auto-odio. Coñecedora de que un pobo inculto, é un pobo fébel e manexábel polas corruptelas do poder, amais dun pobo calado ante as inxustizas. E eles, os nosos emigrantes, quixeron esconxurar toda esa grea de maos fados. Se o conqueriron ou non, é materia para outra análise.
Cantas xeracións de valecos e valecas receberon a primeira raiola do coñecemento nas escolas habaneiras?... Adelán, Bacoi, O Cadramón, Vilacampa, Moucide... Baixo o evocador lema: “Hijos del Valle de Oro en La Habana”... Unha sociedade que xa nos albores do século XX quixo ignorar as divisións paifocas no noso val, rachando absurdas raias de afastamento e facendo gala dunha mentalidade inmune aos minifundismos miserentos. Dende os seus comezos, abeirou baixo as súas metafóricas ás de anduriña, aos procedentes do Valadouro todo, entendendo como tal os dous concellos máis as parroquias de Santo Acisco e Santa Cilla... Cen anos despois seguimos tentando levar á realidade algo que os nosos emigrantes tiñan perfectamente asumido.
Fica ben claro que a mellor escola veu da Emigración.

A NOSA PARTICULAR HOMENAXE, CONSISTIRÁ NA PUBLICACIÓN DUNS RETRINCOS HISTÓRICOS ENCOL DA AUTOORGANIZACIÓN DA GALIZA EXTERIOR (a partires do vindeiro número).


(Artigo de presentación publicado no número 17
da revista O PRADO DAS CHANTAS, en agosto de 2006)

 


ERGUENDO FOGARES LONXE DO LAR


“Mañá teremos de levarte á Chacarita. Pecharémoste no panteón do Centro Galego de xeito que poidas apodrecer tranquío naquela casa feituca, pousada nunha tona de terra traguida das catro provincias...”
XOSÉ NEIRA VILAS. Historias de emigrantes.

 

Se queremos facer un achegamento ás sociedades galegas de emigrantes ao longo da historia, debemos retrodecer até o século XVIII, non embargante non podemos fixar unha data de remate, xa que as actuais vagas migratorias galegas, a instalación de factorías pesqueiras de capital galego en novos lugares e máis o xurdimento das novas tecnoloxías (coa chegada dos centros galegos virtuais) fan que o tecido societario da Galiza exterior siga a medrar.

Poderiamos dividir o proceso de autoorganización da nosa Emigración en catro xeiras diferentes, coincidentes con cadanseu século:

Século XVIII: Congregacións e confrarías.

Século XIX: Centros galegos (transición do benéfico-mutualismo ao lúdico).

Século XX: Sociedades de Instrución (convivencia dos centros coas sociedades locais).

Século XXI: Portais electrónicos (presenza na Rede das xeracións posteriores).

Mentres non se saiba doutro, o primeiro colectivo galego no exterior foi a Congregación de Naturales y Originarios del Reino de Galicia, nada en Madrid no 1741, a cal chegou a distinguirse como un grupo de presión nas Xuntas do Reino.

Uns anos despois nacería outra congregación coa mesma denominación en México, no 1768, é posíbel que logo apareceran as de Cádiz e Manila, inda que non hai datos. A congregación de Bos Aires nacería no 1790, a de Veracruz no 1795, e na Habana nacería en 1805 unha confraría chamada Santa Hermandad de Santiago el Mayor.

---O século XIX trouxo a visión moderna, mesmo actual, do asociacionismo emigrante, cos nacementos concomitantes dun colectivo e máis dunha idea: A Sociedad de Beneficencia de Naturales de Galicia, que creou un concepto societario vixente na actualidade, este feito tivo lugar na Habana no ano 1871. Trátase da máis antiga sociedade asistencial do noso fenómeno migratorio, pioneira no ofrecemento do socorro, da protección e das necesidades xerais da colectividade (mesmo a repatriación se cadrar). A devandita sociedade segue a existir hoxe en día.

Non transcurriron moitos anos até que a Waldo Álvarez Ínsua (propietario e director do xornal habaneiro El eco de Galicia) se lle ocorreu a idea de unir esforzos cara a creación dun ateneo galego, aproveitando a arañeira galega na Habana, até entón só vencellada ao mutualismo. A idea foi publicada e callou en cuestión de días, dando lugar ao Centro Gallego Sociedad de Instrucción y Recreo, no 1879. O chimpo conceptual experimentado coa creación da sociedade de beneficencia oito anos antes, ficaba totalmente arrequecido co ascenso dun novo chanzo, o cultural. Este centro levou a cabo a recadación de fondos para remesar a Rosalía de Castro, verdadeiro ídolo venerado polos galegos de Cuba, daquela gravemente enferma e non sen dificultades económicas.

No mesmo ano 1879 nacen tamén os centros galegos de Bos Aires (refundado no 1907), Montevideo e Corrientes (Arx.). No 1885 xurde a Real Sociedad Española de Beneficencia-Hospital Español en Salvador-Baia (Brasil), no 1889 o Centro Gallego de Córdoba (Arx.), e no 1892 a Casa de Galicia en Madrid, cumprindo con Curros Enríquez un rol que podería lembrarnos ao do centro galego da Habana con Rosalía, inda que sen a carga tráxica deste, e coa vantaxe de que o literato moraba na mesma cidade. Tres anos despois, en 1895 aínda nacerían o Centro Español y Repatriación de Santos, no Brasil, (debemos clarexar que as nosas institucións neste estado suramericano tenderon a utilizar o xentilicio “español” na súa nomenclatura, inda que practicamente o cen por cen dos asociados eran galegos) e máis o Centro Gallego de Barracas al Norte (Arx.), no 1898 naceu a Sociedad Española de Socorros Mútuos Instrucción y Recreo en Sao Paulo, no 1899 o Centro Gallego de Avellaneda (Arx.), e no 1900 a Sociedad de Socorros Mútuos y Beneficiente Rosalía de Castro, en Santos (Brasil).

Foron estas, as primeiras experiencias asociativas do pobo galego no exterior, a primeira pegada do noso fenómeno migratorio no mundo. Algúns destes colectivos centenarios, existen na actualidade, outros foron refundados, e moitos outros, escindíronse ou fusionáronse en proxectos máis amplos, o que non podemos afirmar é que o tecido societario galego teña desaparecido nalgunha latitude.

As postrimerías do XIX deixaron no Estado español a morte do rei Alfonso XII en 1885, esta eventualidade deu lugar a un conflito entre a diplomacia española e o centro galego de Montevideo, xa que os galegos da colectividade negáronse a suspender as festas do Centro, que casualmente se estaban a celebrar neses días, deixando clara a intención de non gardar loito, e máis a nula simpatía pola monarquía que na outra banda do Atlántico administraba tamén a súa terra.

Eran tempos nos que os emigrantes galegos comezaban a facer análises na lonxanza, asemade tomaban conciencia social e nacional da realidade xeográfica que tiveran que abandonar. Xurdían dende o Caribe ao Mar da Prata asociacións sociopolíticas destinadas a incidir e influír na sociedade da Galiza territorial. As ideas republicanas e as loitas contra os foros e o caciquismo, artelláronse en colectivos coma o Comité Redencionista (A Habana, 1908), da que foron presidentes Fontenla Leal e Ramón Cabanillas, ou a Unión Redencionista Gallega (Bos Aires, 1911), a cal naceu á calor dos centros de Avellaneda e Bos Aires.

Segundo nos conta o doutor en Historia de América e profesor da Universidade de Vigo, Carlos Sixirei Paredes: ”A longa man das asociacións emigrantes estivo, en ocasións, detrás das folgas, as protestas, as campañas electorais e mesmo os atentados contra caciques locais”.

Todo isto acadou o seu punto álxido durante as eleccións municipais de 1922, nas que as sociedades de emigrantes, dende América, tentaron orientar o voto dos seus compatriotas na Galiza territorial, daquela creáronse asociacións coma o Comité Progresista Anticaciquil del Distrito de La Estrada en Cuba, Hijos del Partido de Lalín ou a posterior escisión desta, Unión del Partido de Lalín, colectivos todos eles que abrazaron a causa agrarista asemade combatían ao principal inimigo do pobo, o caciquismo. Estas sociedades chegaron a comunicarse cos propios caciques, para facerlles ver que algo se estaba a mobilizar contra eles na outra banda do Atlántico, e tamén coas sociedades agraristas que xurdían nas súas bisbarras, animándoas a recruar a loita.

Un bo exemplo pode ser a campaña de derrubamento emprendida por Hijos de Silleda (fundada en Bos Aires coa axuda de Antón Alonso Ríos, no 1908) contra o secretario do xulgado municipal do Concello de Silleda e principal cacique do lugar, Benito Rivas. Ao primeiro, remesan cartas á veciñanza contendo frases coma: “Debedes proceder con intelixencia e sen perda de tempo, cortando o mal de raíz, pois unha medida a tempo pode evitar moitas desgrazas”, ao tempo que se poñen en contacto co cacique para reprobar as súas prácticas e formular as acusacións das que se facía merecente.

Ao cabo, o 7 de xaneiro de 1923, o cacique Rivas é executado por Luís Muíños, un retornado da Emigración en Cataluña e Asturias, que automaticamente se converte nun heroe da loita agrarista, todo o municipio aparece cheo de pintadas e folletos apoiando a acción de Muíños, e dende Bos Aires, Hijos de Silleda remesan o diñeiro preciso para protexelo e xestionar a súa posta en liberdade.

---E co século XX chegou a meirande, máis útil e xenerosa creación que lle podemos agradecer á nosa Emigración: As sociedades de instrución. Estes colectivos xurden coas sociedades microterritoriais (de ámbito comarcal, municipal ou mesmo parroquial), pretendendo varrer a ignorancia e máis a incultura no País galego, co mellor instrumento posíbel, as escolas. Estas sociedades son as responsábeis da factura de preto de trescentas edificacións escolares por toda Galiza. Segundo Sixirei Paredes, o número de sociedades de instrución chegou a 484, inda que Neira Vilas fixa o número en 380, e mesmo fai un desglosamento dos estados nos que xurdiron: Cuba 186, Arxentina 177, Uruguai 7, EE UU 6 e Brasil 4.

As devanditas sociedades non só se responsabilizaban da edificación das escolas, senón que en moitas ocasións tamén pagaban o soldo dos ensinantes, e remesaban todo tipo de material escolar, mesmo máquinas de escribir e de coser.

De todos é coñecido o feito de que ademais de traer as escolas, a Emigración trouxo canda elas, as ideas do ensino moderno, da liberdade e da democracia, nunha palabra, cada centro escolar era unha niñada de renovación pedagóxica, moi loábel é a intención nunca realizada da Liga Santaballesa de Educación e Instrucción (A Habana 1907), que no enceto do século XX pretendía o ensino da gramática galega nas escolas que estaba a financiar na Terra Chá.

A primeira sociedade de instrución da que temos coñecemento é a Alianza Aresana, creada na Habana en 1904, e deseguida, en Bos Aires nace Concordia de Fornelos, poucos anos despois, no 1907 créase El Valle de Oro, agrupando emigrantes dos concellos de Alfoz, O Valadouro e as parroquias de Santo Acisco e Santa Cilla, é dicir, abranguendo O Valadouro todo, xeograficamente falando.

Obra destes veciños nosos son as escolas de Adelán, Bacoi, O Cadramón, Vilacampa, e a axuda para rematar a de Moucide, amén da finanzación doutras obras non relacionadas co ensino. “Hijos del Valle de Oro en La Habana” foi o lema escollido para adornar a fronte das escolas.

Sabemos que a sociedade El Valle de Oro publicaba unha revista homónima, que ilustraban algúns dos seus documentos co escudo da Galiza, malia que os estatutos fixaban que fora o de Lugo, que posúe un panteón no cemiterio da cidade ou que nas súas festas chegou a actuar Celia Cruz, pero o máis importante, é que a sociedade segue a existir, cen anos despois da súa fundación.

Mais non foi El Valle de Oro a única sociedade dos emigrantes valecos, temos datos doutra creada en Bos Aires, denominada Hijos del Valle de Oro, cuxa data de nacemento fixaremos en 1912, conclusión á que chegamos pescudando na hemeroteca de La Voz de Galicia, xornal onde atopamos referencias aos seus obxectivos estatutarios nunha nota en castelán: “...É fundar e soster escolas e asilos nos concellos de Ferreira e Alfoz, soster correspondencia cos xornais que se publiquen nos mesmos ou a falta deles no partido xudicial”.

Esta sociedade ten utilizado o topónimo ‘Valadouro’ no seu logotipo, no cal tamén se reproducía un escudo co castelo do Castro de Ouro. O actual Hogar Gallego para Ancianos en Bos Aires, fundouse en 1943 nun local cedido polas asociacións de Betanzos e Santiago, sito na bonaerense rúa Méjico 1660, casualmente ese era o enderezo de Hijos del Valle de Oro, máis tarde accedeu á fusión con outros colectivos galegos, desaparecendo como proxecto local.

Unha boa parte das sociedades de instrución naceron na Habana (La Unión Barcalesa, Naturales del Ayto. de Puentes de García Rodríguez, La Devesana, Sociedad de Instrucción San Claudio, Sociedad de Instrucción Puente de Mera, Hijos del Valle de Lorenzana, Mondoñedo y su comarca, Hijos de San Miguel y Reinante, Sociedad Círculo Habanero de La Devesa, Vivero y su comarca...) ou en Bos Aires (Hijos del Ayto. de Coirós, Unión Residentes de Outes, Sociedad pro-escuelas residentes de Ames en Buenos Aires, Unión de Residentes de Luou en Buenos Aires, Hijos del Partido de Vivero...) mais tamén atopamos exemplos noutras cidades coma Nova Iorque (Hijos de Palmeira, 1929), ou mesmo colectivos que naceron en dúas cidades a un tempo, coordenando aos emigrantes procedentes do mesmo lugar, como é o caso da Sociedad pro-escuelas en Ferreira (1915), que se extendeu entre Montevideo e Bos Aires agrupando aos naturais de San Sadurniño.

Un caso que paga a pena comentar é o da Unión del Porvenir, fundada o 24 de decembro do 1918 por tomiñeses emigrados en Nova Iorque, aos tres meses, en marzo do 1919, xa conta cunha delegación en Bos Aires, e en novembro do 1921 con outra en Lisboa. No seu regulamento establecíase o obxectivo de construír unha escola de ensino primario entre as parroquias de Taborda e Piñeiro, o anceio viuse cumprido. Hoxe a escola é un edificio en estado ruinoso.

A xa mencionada Vivero y su comarca (A Habana, 1910) foi a meirande construtora e instrutora das sociedades desta caste, con quince escolas, podemos dicir sen exaxerar que conqueriu erradicar o analfabetismo na contorna de Viveiro, boa proba diso témola no censo de reclutamento militar confeccionado en 1919, no cal non figura ningún analfabeto, algo nada común ou mesmo único naqueles anos.

Mais, o fenómeno migratorio galego non sempre interactuou dende o colectivismo, existen unha manchea de exemplos individuais, benfeitores e filántropos que non dubidaron en compartillar a súa fortuna persoal co resto dos seus paisanos, coma os ribadenses Ramón González e Pedro Murias ou o cervense Manuel Candia, os betanceiros Juan e Jesús García Naveira, o verinés José García Barbón, o cangués José Félix Soage, o vigués Policarpo Sanz, ou Gumersindo Busto, principal inspirador e fornecedor da Biblioteca América, ou o mesmo Belarmino Fernández Iglesias, un emigrante actual no Brasil que chegou a fundar unha escola de hostalaría no seu Sober natal, inaugurada no 1997 e xestionada pola fundación homónima do seu promotor e máis a universidade compostelá.

No continente europeo, a vaga asociativa comezou pola propia península, e de certo comezou ben cedo, co nacemento do Centro Gallego de Madrid no 1892. Xa na nova década nacería o Centro Galego de Bizkaia en Barakaldo, no 1901, e no irmán Portugal, no 1908, erguíase Xuventude de Galiza-Centro Galego de Lisboa, dez anos despois foi creado o Centro Gallego de Gijón, e no 1923 o Centro Gallego de Barcelona, a Casa de Galicia en Bilbao no 1926, a veciña Casa de Galicia en Guipúzcoa no 1931, o Centro Gallego de Santander no 1934, o Centro Gallego de Ceuta no 1935, e o de Castellón (hoxe Asociación Cultural Gallega ‘O aturuxo’) no 1936, a fatídica data non foi allea á historia do Centro, xa que o seu primeiro presidente foi asasinado durante a xeira bélica.

No continente africano, amais do caso ceutí xa mencionado, sinalaremos a Casa de Galicia de Las Palmas, creada no 1951, recollendo a herdanza dun proxecto nunca rematado, a fundación dun centro galego no 1932.

Como podemos observar, o asociacionismo galego na Europa non tivo que agardar ao éxodo cara á Suíza, á Franza, á Grande Bretaña ou Alemaña, (entre 1960 e 1980 naceron cincuenta asociacións en toda Europa) inda que as nosas colectividades neses estados ofreceron boa mostra de dinamismo e pulo irmanador, o máis rechamante é que na década dos noventa seguían a nacer centros galegos neses lugares.

No 1967 nacían o Centro Gallego de Londres e máis a Sociedade ‘A nosa Galiza’ de Xenevra, a cal xurdiu como froito da decepción de moitos emigrantes co centro creado un ano antes nesa cidade. Hoxe A nosa Galiza é un referente mundial no seo das colectividades galegas, polos seus locais pasou toda a intelectualidade galega e non poucos persoeiros da cultura en xeral, dende Manuel María, Méndez Ferrín, ou Vítor Freixanes, a Xosé Manuel Beiras, Margarita Ledo, Vázquez Montalbán, Uxío Novoneira ou Manuel Rivas.

Ademais dunha revista propia (coma case todos os centros), A nosa Galiza ten creado varios grupos de baile tradicional, un grupo de teatro e máis un programa de radio.
No 1969 creábanse outros dous centros en Suíza, o Centro Galicia de Olten e o Centro Gallego de Berna.

Cómpre salientar que nestes estados europeos, a segunda xeración (os fillos de emigrantes nados no país de acollida) mantén vivísima a lapa da galeguidade, e en moitas ocasións son os que manteñen activos os centros, con moitas máis vantaxes que tiveron os seus pais, un bo exemplo disto é o grupo musical Ialma, integrado por cinco rapazas nacidas e criadas en Bruxelas, fillas de emigrantes galegos, as cales, grazas á transmisión cultural da colectividade galega naquela cidade, botaron a andar un grupo de música folc galega, na actualidade punteiro no noso panorama musical e con recoñecemento internacional, que cada verán percorre Galiza coas súas pandeiretas, os seus sachos e máis a súa equipa musical formada por belgas, senegaleses...

Este pobo que Neira Vilas ten denominado pobo maleta, estivo e está presente no globo todo, en cidades ateigadas de compatriotas ou en viliñas onde só un único habitante coñece o significado da palabra anduriña, e iso fixo que os galegos e as galegas asistiran con maior ou menor protagonismo, vencellados ou só como espectadores, a episodios históricos por todos os currunchos da Terra. Non en van, en tempos do alcalde Tierno Galván, na literatura auspiciada polas propias institucións municipais, dicíase que Madrid era secretamente andaluza e nidiamente galega.

Esta presenza mundial, deu lugar a retropresenzas ou a curiosas presenzas de ida e volta.

Unha casualidade que poucos interesados no fenómeno migratorio se resistirán a narrar, é o caso da colectividade arxentina residente no Estado español. Unha parte desta comunidade atópase agrupada no Club Argentino, con sede en Madrid, cuxo presidente é Fernando Scornik Gerstein, exóticos apelidos nestas latitudes, inda que se trate dunha persoa ben máis próxima ao pobo galego do que pensamos, xa que é fillastro de Lorenzo Varela, o cal, prologou a primeira obra poética de Scornik, Hasta el Final Profundo.

---E co século XXI asistimos á consolidación dos portais electrónicos da Emigración, un xeito de “centros” cibernéticos, onde a Galiza emigrante e a Galiza territorial poden manter contacto, fomentar o intercambio de información e materiais diversos, en definitiva, achegarse, aínda máis. As páxinas adicadas a facer pontes entre as dúas galizas, ou mesmo a manter interrelacionada á propia colectividade emigrante, non son dúas nin tres, temos un abano amplísimo, do que salientaremos Fillos de Galicia (fillos.org), un proxecto nado no 1997 nun modesto local de Barakaldo, cuxo responsábel é Manuel Casal Lodeiro, fillo de emigrantes en Euskal Herria, quen afirma que Fillos de Galicia non ten diferenza ningunha cos centros galegos tradicionais, de feito a prensa chegou a definilo coma o meirande centro galego do mundo. Hoxe o portal é un fervedoiro de foros, encontros, cibertendas... E ao longo da súa historia xa pariu varias novas páxinas temáticas, vencelladas todas elas coa matriz fillos.org

Un enxebre e emocionante proxecto xurdido en Buenos Aires é Galicia espallada (galespa.com.ar), un portal onde podemos atopar historia, cartografía, literatura... As derradeiras fotos de Castelao! E todo feito por Mónica Suárez Groba e Ulises Pimentel Viaño, dous fillos da Emigración cos cales se pode manter contacto electrónico en lingua galega, nada raro dende logo, se non temos en conta que aínda nunca estiveron na Galiza territorial.

E na mesma cidade, da man da Fundación Xeito Novo, xurdiu A grileira (agrileira.com), un portal adicado nomeadamente ás inquedanzas musicais da nosa colectividade na Arxentina, inda que sen desbotar o contacto entre os galegos da diáspora, ben axudado polas foliadas que os músicos de Xeito Novo organizan decote.

Non debemos esquecer que Castelao, denominou a Bos Aires, “a Galiza ideal”, tentando expresar que todo aquilo que aínda nunca se tiña acadado na Galiza territorial (fomento da identidade nacional e da cultura, editoriais, banca, colectivismo, institucións de seu...) non supoñía unha utopía, xa que na capital arxentina xa existía e medraba arreo. O mesmo Castelao auspiciou a fundación da Casa de Galicia en Nova Iorque nunha das súas viaxes, ao decatarse de que o Pobo galego desenvolvía nas colectividades emigrantes o que non podía levar a cabo na Terra Nai.

A “teima” da fundación de centros, sociedades, irmandades, peñas, etc., na Galiza exterior, debe ser difícil de esquecer, xa que moitos dos emigrantes retornados rematan por crear colectivos nos que atoparse con outros retornados da Emigración, ás veces estes colectivos veñen funcionando como asesorías mutuais (outravolta o mutualismo) para xestionar documentación, demandar pensións nos estados dos que se retorna, exixir axudas ás institucións nacionais ou estatais, etc. Mais noutras ocasións estes colectivos procuran o encontro entre persoas que compartillaron unha mesma experiencia. Boa proba disto é a Federación Galega de Asociacións de Emigrantes Retornados, a cal, agrupa a asociacións de toda Galiza que de xeito periódico, organizan xornadas, debates, festas de reencontro...

En poucas palabras, tentan lembrar a súa achega ao grande fito da Nación galega: A Emigración.


Fontes consultadas:

Alonso Fernández, B. A emigración galega a América: 1860-1960. AS-PG, A Coruña, 1994
Andrade Cobas, J.R. Galleguidad en la Argentina. Xunta da Galiza, Compostela, 1995
Neira Vilas, X. Memoria da emigración. I, II e III. Ediciós do Castro, Sada, 1994, 1995, 1996.
Malheiro Gutiérrez, X.M. (Coordenador). Fomento de la instrucción gallega. Ir indo, Vigo, 2002
Malheiro Gutiérrez, X.M. e González Álvarez, S. Legado sociocultural da emigración galega. Xunta da Galiza, Compostela, 2002.
Sixirei Paredes, C. Asociacionismo Galego no exterior. Xunta da Galiza, Compostela, 2001
VV.AA. Conocer Madrid. Ayuntamiento de Madrid, Madrid, 1982
Revista argentina-Sucesos argentinos, nº 41, xuño-agosto 2005. Madrid

 
 
 VOLVERVOLTAR  
Copyright 2007 Fundación Xeito Novo - Prohibida la reproducción parcial o total del material expuesto, sin consentimiento de la fundación. Todos los derechos reservados