VOLVERVOLTAR

Número 9:
Jornadas Buenos Aires gallega: Inmigración, pasado e presente.
Tres días para descubrir esa Bos Aires galega.

   

Entre o 14 e o 16 de agosto, terán lugar na capital da Arxentina as Xornadas Buenos Aires gallega: Inmigración, pasado y presente das que participarán destacados académicos galegos e arxentinos, persoeiros da cultura, funcionarios e protagonistas da diáspora de Galiza. Os historiadores Xosé Manuel Núñez Seixas e Pilar Cagiao Vila, os escritores María Rosa Lojo e Francisco X. Fernández Naval e o lendario Antonio Pérez-Prado son só algúns dos nomes aos que convida o programa.


"As xornadas forman parte dunha serie de actividades que rematarán coas celebracións do Bicentenario da Revolución de Mayo cun Congreso Internacional sobre as migracións do primeiro e segundo Centenario", explicaron os responsables.


Os tres días de relatorios foron organizados pola Academia de Historia da Cidade de Bos Aires, o Instituto Histórico da Cidade de Bos Aires, e a Comisión para a Preservación do Patrimonio Histórico Cultural da Cidade de Bos Aires, ademais dos responsables polo festexo do Bicentenario. Ademais, colaborarán con elas o Arquivo da Emigración Galega do Consello da Cultura Galega, a Consellaría de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia, a Fundación Xeito Novo e o Instituto de Investigacións Históricas do Museo Roca.

Nós
Logotipo da revista Nós por Castelao, 1920 (Fundación Vicente Risco)


As actividades, que terán sitio no histórico predio da Manzana das Luces (rúa Perú 272), comezarán o día martes 14 ás 10 da mañá co acto de inauguración. De contado, tres mesas percorrerán a memoria da emigración galega: ás 10.30 coa moderación do historiador Xosé Manoel Núñez Seixas e baixo o título La inmigración gallega en Buenos Aires en el contexto de la inmigración europea de masas falarán os historiadores Fernando Devoto, Mª Liliana Da Orden e Nadia De Cristóforis; ás 15 será o momento de escoitar ao expertos Núñez Seixas, Ruy Farías, Andrea Reguera e Jesús Mira Moure na mesa Entre changadores y empresarios: Inserción socioprofesional de los gallegos en Buenos Aires; e no remate do día será a quenda das galegas na mesa titulada De viudas de vivos a emigrantes: Las mujeres gallegas en Buenos Aires da que formarán parte a historiadora galega Pilar Cagiao Vila, a emigrada compostelá María Rosa Iglesias e Manuel González.


Ese mesmo martes será presentada a reedición do mítico libro de Antonio Pérez-Prado Los gallegos y Buenos Aires. A tarefa quedarán nas mans do subdirector xeral de Creación e Difusión Cultural da Xunta, Xosé Francisco Fernández Naval, e o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares Paz.


Para o mércores está prevista a reflexión sobre a cultura en tres mesas que percorrerán o pasado e o presente da galeguidade na diáspora arxentina. Ás 9 e coa moderación do historiador Ruy Farías a mesa Los inmigrantes gallegos en el imaginario social y literario porteño achegará á escritora e investigadora María Rosa Lojo, á investigadora Marina Guidotti de Sánchez, ao célebre Antonio Pérez-Prado (que falará dun tema polémico: os chistes de galegos) e Fernández Naval que rescatará a relación con Galiza dun dos máximos escritores arxentinos, Julio Cortazar. Ás 11.30 un grupo de profesionais xovens tecerán a ollada actual sobre Galiza e a súa presencia na cidade de Bos Aires: o profesor galego Carlos Rodríguez Brandeiro, a licenciada en Letras Andrea Cobas Carral, o fundador de Xeito Novo Carlos Fernández, a xornalista Débora Campos e o profesor Adolfo Lozano Bravo compartirán a mesa La cultura gallega en Buenos Aires: Pasado y presente. O día rematará cunha radiografía sobre a presenza dos galegos na cultura arxentina a través dos traballos de Carina Frid, Mariela Tilve Rouco e Silvia Dolinko.


O xoves será o último día e nel as institucións da colectividade galega serán protagonistas. O historiador Ramón Villares coordinará a mesa na que falarán os historiadores Hernán Díaz, Alejandro Fernández e Rita Molinos, ademáis do funcionario Gastón Santos Juan. De contado, a tarefa será imaxinar: baixo o título Imaginar Galicia desde el Río de la Plata e coa moderación da experta Pilar Cagiao Vila, expondrán Marcelo Garabedian, Ramón Villares e Hugo Biagini. No remate do día, a discriminación será o doloroso asunto a tratar por Roberto Benencia, Núñez Seixas e o poeta Rodolfo Alonso.


O programa completo das xornadas e máis información poden atoparse na páxina http://www.buenosairesgallega.blogspot.com ou no enderezo electrónico

galiciaenbuenosaires@gmail.com

 
 
 VOLVERVOLTAR  
Copyright 2007 Fundación Xeito Novo - Prohibida la reproducción parcial o total del material expuesto, sin consentimiento de la fundación. Todos los derechos reservados