VOLVER VOLTAR

Número 9: Música galega

 

Cinema do mar.

 

 

Carlos Núñez publica CINEMA DO MAR, un álbum inspirado na música do cine coa colaboración de The Chieftains, Dulce Pontes, Ryuichi Sakamoto e Altan, entre outros artistas.


Carlos Núñez - Cinema do mar

Carlos Núñez sempre mergulla no inesperado e na sorpresa para descubrir camiños novos. A súa longa carreira é unha demostración da busca de formas orixinais para a música e o seu novo álbum, Cinema do Mar, torna a ser un exercicio da imaxinación. Cinema do Mar, é un disco no que Carlos Núñez somérxese na música do cine recreando bandas sonoras reais ou imaxinarias para as que poderiamos soñar un guión ou unhas paisaxes. Non hai que esquecer que a súa carreira internacional, lanzouse trala súa participación con “The Chieftains” na música do filme A Illa do Tesouro, cando só tiña dezaoito anos, aínda que, todo comezou moito antes.

Dende neno, ao pe da vella casa da súa familia, a beira da ría de Vigo, Carlos Núñez ía cada verán ás sesións de cinema ao aire libre na praia de Deilán, xunto ao mar. Mentres estaba gravando nesa mesma casa para a banda sonora de “Mar Adentro“, recordou a aquelas músicas do cine, fixo algunhas maquetas por curiosidade e escoitounas con Alexandre Amenábar, quen o animou a continuar. E resultado é CINEMA DO MAR.

Coa participación de artista invitados coma “The Chieftains”, “Dulce Pontes”, Tyuichi Sakamoto”, “Altan”, “Solas” ou “Juan Manuel Cañizares”, CINEMA DO MAR é un percorrido por músicas de cine, unha aventura que viaxa por mundos diferentes e que na visión de Carlos Núñez, adquire unha dimensión nova. Temas clásicos coma o Concerto de “Aranjuez”, o “Bolero de Ravel” ou a suite para violoncello nº 1 de Bach, entrelázanse con músicas de películas coma é “Mar Adentro” “El Padrino” ou “La Misión”, nun dos álbums máis abertos e sorprendentes do músico galego, que resume anos de experiencias, colaboracións e traballo.

Cinema do Mar ábrese co “Concierto de Aranjuez” de “Joaquín Rodrigo”. Utilizado moitas veces no cine, Carlos Núñez interpretouno cada noite durante a súa recente xira polos Estados Unidos, sorprendendo a propios e estraños coa súa versión con gaita. O álbum continúa co célebre “Bolero de Maurice Ravel”, que coas programacións casque obsesivas de Xurxo Núñez, mesmo parece converterse en música tradicional. O tema de película O Padriño, enlaza a Galicia e Italia con Carlos Núñez e a zanfona de Pancho Álvarez coma ponte. A Suite para Violoncello nº 1 de “Johann Sebastian Bach, adopta aires de alborada e “You’re So Cool”, o tema central do filme “True Romance”, composto por “Hans Zimmer”, recorda a algunhas panxoliñas galegas.

Pero en Cinema do Mar, Carlos Núñez viaxa máis lonxe. A música de “La Misión”, composta por Ennio Morricone, chega por proposta de Alexandre Amenábar e adáptase perfectamente ao son máis celta, étnico e percusivo. A música do filme “Barry Lyndon”, de Stanley Kubrick, atópase representada pola canción “Woman os Ireland”, coa que “The Chieftains” gañou un “Óscar” y que Carlos Núñez gravou en directo xunto coa guitarra de “Juan Manuel Cañizares”. Tristán e Isolda, é un tema do filme homónimo do que fora protagonista Richard Burton e gravado en Vigo por Carlos Núñez con The Chieftains e a National Youth Pipe Band of Scotland. Co grupo “Solas”, Carlos Núñez gravou no Musikhalle de Hamburgo, o tema “Weep Not For The Memories/ A Week in january” e mailo tema “The Sailor’s Hornpipe” é unha boa mostra das melodías tradicionais irlandesas e escocesas que percorren o cine de Hollywood, aquí coa colaboración do grupo “Altan” e de Seamus Fay.

Ryuichi Sakamoto atópase presente en Cinema do Mar, a través dos temas “Smile e Shining Boy & Little Randy (End Roll)”. O primeiro é o resultado dunha das numerosas colaboracións que se produciron entre Núñez e Sakamoto nos últimos anos. Nesta ocasión, “Smile” é o tema principal da película Shining Boy & Little Randy e foi gravado nos estudios do compositor xaponés. A música dos cretos finais deste filme é o segundo aporte de Ryuichi Sakamoto a Cinema do Mar.

Naturalmente non podía faltar no álbum, a música de “Mar Adentro”, que se atopa representada por tres temas. Títulos finais e o xerme que inspira Cinema do Mar, cunha instrumentación lixeiramente diferente á que zoa no filme de Alexandre Amenábar. A viaxe é una selección inédita dos temas principais de Mar Adentro interpretada por Carlos Núñez e os seus músicos, orquestra sinfónica e dúas tocadoras de pandeireta da veciñanza de Ramón Sampedro. E polo remate, “Quero ir ó Mar”, é unha canción que Carlos Núñez fixo durante a gravación da banda sonora da película, partindo das melodías de Amenábar e dun poema de Sampedro. A presa no tempo impediu gravala para o filme e Carlos Núñez recupéraa para Cinema do Mar coa voz de Dulce Pontes.

É Cinema de Mar. Unha viaxe por diferentes músicas, países, épocas e cinematografías, que nace baixo a inspiración de “Mar Adentro” e convértese nunha idea orixinal, sólida e de enorme forza creativa. É a nova aventura de Carlos Núñez.

     
     
   

Carlos Núñez

Cinema do mar
Sony-BMG

1) Concerto De Aranjuez
2) Bolero
3) Finale
4) Titulos Finales
5) Prelude A La Suite Pour Violoncelle no.1
6) You're So Cool
7) Gabriel's Oboe
8) Women Of Ireland
9) Tristan Et Iseult
10) Weep Not For The Memories
11) El Viaje
12) The Sailor's Hornpipe (Popeye)

VOLVER VOLTAR  
Copyright 2007 Fundación Xeito Novo - Prohibida la reproducción parcial o total del material expuesto, sin consentimiento de la fundación. Todos los derechos reservados