| 
|
Benqueridos
amigos e amigas,
Diante todo, moitas gracias. Hoxe dixéronme que podía
dar a conferencia en galego. Eu supoño que a maioría
ou a práctica totalidade dos asistentes están
familiarizados, cando menos pasivamente, con esta lingua.
Así que se algún tivese problemas de comprensión,
por favor que mo faga notar. Quero dicir asi mesmo que é
para min unha honra intervir hoxe nesta tribuna, tamén
en parte porque era algo que eu lle debía a Xeito Novo,
e nomeadamente a Carlos Fernández dende hai tres anos.
Daquela tentáramos fixar unha data, pero logo non fora
posíbel sinxelamente porque eu xa marchara. Deste xeito,
doce horas despois de chegar a Buenos Aires estou aquí
entre vós.
O tema da charla que me propuxeran en principio os amigos
de Xeito Novo era dar unha noción xeral, e se se quere
analítica, sobre o nacionalismo na Galicia actual:
de ónde ven, cara ónde vai, e cáles son
as súas perspectivas, sempre entendendo dúas
cousas: primeiro, eu non son político, polo tanto isto
non é ningún mítin, e non teño
por qué dar unha visión que cadre plenamente
coa que darían os responsábeis do nacionalismo
galego politicamente organizado de hoxe en día. Segundo,
a Historia non é ningunha ciencia aséptica,
tampouco non o é a Ciencia Política, e eu tampouco
non vou agachar en determinados intres en miñas simpatías.
Finalmente, unha consideración previa. Aínda
que vós xa dispoñedes dunha serie de informacións
básicas, probabelmente non están ó día
os caracteres básicos da escena política galega
nos últimos anos. Pois a Televisión de Galicia
(TVG), non sei esa versión que se recebe aquí
por cabo, ou a española non adoitan seren fontes de
información moi fiábeis, agás para paparotas,
festas do polbo, do percebe ou do mexillón, ademais
de, por suposto, os moi culturais programas de Ana Kiro (risas)
que nos enaltecen como nación ós ollos do mundo.
Como
é sabido, moitas veces na propia Galicia ignórase
o papel que en determinados intres xogou a emigración,
e nomeadamente a emigración galega na Arxentina, como
animadora de determinadas empresas político-culturais,
como lugar de socialización de líderes moi importantes
na historia do movemento galeguista e, por suposto, como lugar
onde se preservou o lume sagro do nacionalismo na longa noite
de pedra que asolagou o noso país durante o franquismo.
Non hai moitos galegos que saiban, por exemplo, que líderes
da talla de Antón Alonso Ríos ou Ramón
Suárez Picallo se formaron na emigración americana,
neste caso porteña, igual que outros coma Roberto Blanco
Torres o Antón Vilar Ponte se formaron na Habana. Ou
outros máis menos coñecidos, coma Ramón
Fernández Mato, Vicente González Paratcha ou
Elpidio Villaverde, que tamén se formaran primeiramente
como emigrantes e adquiriran en parte consciencia política,
unha concepción de Galicia como comunidade etnocultural
específica, diferencial e despois como unha nación,
durante a súa estadía en América. Hai
igualmente poucos galegos, e mesmo poucos nacionalistas galegos,
que coñezan que o primeiro periódico que proclamou
abertamente o ideario e obxectivo independentista sen ambaxes
foi A Fouce, periódico publicado en Bos Aires
en 1926, non moi lonxe desta sede (na rúa Mexico, no
1700 e algo: eu sempre acordo que fora fotocopiala a unha
fotocopiadora de Ourense, que aínda existe, e o tipo
cando viu a folliña dixo: “Carallo! En México
nese ano xa pedían a independencia da Galicia!”
(risas)). E durante os anos trinta, A Fouce continuou
a ter unha andaina ininterrompida. Era, por exemplo, un periódico
que servía de guieiro a unha parte importante do Partido
Galeguista daquela época.
Por
suposto, isto facía parte dun influxo máis xeral
que xogaba a Galicia americana, que xogaban as sociedades
de instrucción, que xogaba esta casa, a Federación
de Sociedades Galegas, como apoio das iniciativas coordenadas
de anovación sociopolítica e cultural e de axitación
agraria non campo galego. Ou as iniciativas, dun ámbito
máis modesto pero non menos efectivo, que levaban a
cabo grupos de individuos, como podían ser os grupos
de obreiros coruñeses emigrados que no 1907 colectasen
en Bos Aires subsídios para apoiaren os obreiros panadeiros
da Coruña que estaban en folga ese mesmo ano. Quero
con isto dicir que ás veces a roda da Historia sofre
movementos pendulares. Pero houbo un intre, non tan lonxano,
en que Bos Aires foi a capital da Galicia Ideal, como recoñeceu
Castelao cando chegou a estas costas no 1940. Dicíao
decote, xa que Castelao non quixo ir a México, por
exemplo, porque el quería, dalgún xeito, comunicarse
coa comunidade de antigos residentes, coa colectividade de
inmigrantes que se mobilizaran en prol da República,
en prol do Estatuto de autonomía e en prol do galeguismo.
Hai indicadores, mesmo, que nos amosan que naquela altura,
nos anos trinta, os sentimentos de identidade etnocultural
e política galega estaban máis afirmados entre
os inmigrantes galaicos de Bos Aires que na propia Galicia.
En 1932, Correo de Galicia era o periódico de información
xeral más lido na colectividade, porque alí
viñan noticias das festas, noticias de Galicia, etcétera.
Á parte viñan páxinas de política
e de literatura. No ano 1932, durante seis meses, este periódico
fixo algo totalmente inaudito no xornalismo, non xa galego,
senón ibérico de altura, que era un inquérito,
unha enquisa con estructura de preguntas abertas, que normalmente
din moito máis porque obrigaban á xente a definirse
ben. Os resultados dese inquérito son bastante surprendentes.
Aí opinaron inmigrantes daquela anónimos, como
Ricardo Flores, por exemplo, ou un novo dependente de nome
Ramón Mourente, que daquela se declaraba autonomista.
O balanzo global da enquisa, fago un pouco de memoria, era
algo así como: 40% dos inmigrantes se declaraban centralistas,
30% federalistas, 15% autonomistas e 15% independentistas.
En canto á cooficialidade do idioma galego dentro do
Estatuto Galego na Galicia republicana, algo que se albiscaba,
xa que estaba en vistas de ser aprobado o Estatuto, había
unha porcentaxe de xente que se declaraba en prol do monolingüísmo
galego e do bilingüísmo galego-castelán
do arredor do 40%. Naturalmente, só era unha mostra
sobre 500 e pico de persoas que responderon. É nada
máis que un indicador pero de certo que eso non se
daba en Galicia. O Partido Galeguista, o partido nacionalista
galego na IIª República, tiña en 1936 uns
3500 afiliados. A agrupación máis importante
en número de afiliados era a de Rianxo, por razóns
obvias, porque estaba Castelao e sobre todo os curmáns
de Castelao, pero a segunda era Vigo, que tiña un militante
máis cá terceira, que era Bos Aires. Había
moitos máis afiliados ó Partido Galeguista en
Bos Aires que na Coruña ou que en Lugo e, mesmo, que
en Ourense.
Este
discurso era soamente para demostrar que existe moitas veces
moita desmemoria sobre o papel que xoga a emigración,
as diferentes facianas da emigración, e que estas son
a penas algunhas mostras de como ás veces as cousas
foron dun xeito, pero poderían perfectamente ter sido
doutro. Sobre todo, se un militarote, que nacera en Ferrol,
un 17 de xullo de 1936 non tivera dado un golpe de Estado,
e moitas máis cousas que pasaron. Dando este salto
no tempo, considero que, dende logo, na Galicia actual é
importante lembrar estas cousas. Éo porque os últimos
acontecementos, as derradeiras polémicas xurdidas arredor
da altísima lonxevidade dos galegos en Bos Aires a
resultas dos censos electorais e a posíbel lexitimidade
do dereito ó voto dos residentes ausentes nas eleccións
autonómicas poden ter un efecto colateral, como dicían
na OTAN, quizáis non moi grato: que se cuestionasen
por primeira vez os dereitos dos ausentes a votar. Sobre todo
se existe unha enorme discordancia entre o que votan os galegos
de acá e o que votan os galegos dacolá.
¿Qué é o nacionalismo galego hoxe en
día? Ben, resumilo así en corenta minutos non
é tarefa doada. Por suposto haberá que deixar
flecos fóra, e tampouco non pretendo responder a todas
as preguntas, senón deixar algunhas delas abertas.
Pero como galegos somos, preguntas facemos e, sobre todo,
con preguntas respondemos.
|