|  Antón
Avilés de
Taramancos
|
TEATRO
CASTELAO - CENTRO GALEGO DE BOS AIRES
16 DE MAIO DE 2003
RONSEL DE ESPERANZA
Señor
presidente do Centro Galego de Bos Aires, señor presidente
do Instituto arxentino de cultura galega, señor Conselleiro
de Educación da Embaixada de España, señor
presidente do Consello Xeral da Emigración, señor
coordinador de actividades e director xeral da oficina delegada
en Bos Aires da Consellería de Emigración e
Cooperación Exterior, señor vicepresidente e
señores membros da Fundación Galicia-América,
señores directivos das institucións galegas
na Arxentina, compañeiros, profesores e alumnos do
Colexio Santiago Apóstolo, alumnado dos cursos de lingua
galega da Universidade de Belgrano, da Universidade de Bos
Aires, da Fundación Galicia-América e da Sociedade
Civil Unión de Residentes de Outes. Señoras
e señores.
Antes
de principiar coa miña charla non quero deixar pasar
de lado a ocasión de agradecer a xenerosidade do presentador
diante da tarefa desenvolvida. Cando se presenta a algunha
autoridade cun currículo extenso a problemática
vén dada por resumir e por non deixar ningún
dato salientable no esquecemento. No caso que nos ocupa a
problemática viña dada por todo o contrario,
pero a xenerosidade do señor presidente logrou omitir
todas as eivas que no meu simple currículo había
e facelo máis digno do que en realidade é.
Tamén
quero, antes de comezar, pedirlles desculpas polo estado calamitoso
da miña voz. Un cambio de tempo inesperado ou un descoido
ó escoller abrigo fan que estea convalecente dun pequeno
catarro. Agardo que a tose non me xogue unha mala pasada e
poida rematar a intervención sen moitos atrancos. Se
nalgún momento teño que facer algunha pausa,
confío en que me saiban desculpar.
RONSEL DE ESPERANZA
Eu son
Balbino. Un rapaz de aldea. Coma quen di, un ninguén.
E ademais, pobre.
Con estas palabras comeza un dos libros máis editados
da nosa literatura. Con estas significativas verbas dan comezo
as Memorias dun neno labrego de don Xosé Neira Vilas.
Posiblemente, moitos dos que hoxe aquí estamos poderiamos
ser un trasunto evidente de Balbino. Eu, cando menos, síntome
totalmente identificado con ese marabilloso personaxe; eu
tamén son un aldeán coma Balbino.
Pois ben, quen lle ía dicir a este rapaz de aldea,
nacido hai 33 anos en San Román de Cedeira na provincia
da Coruña, que o ían convocar para tan honrosa
labor como a que hoxe teño o privilexio de desenvolver.
Pero, xa se sabe, cando conflúen factores como o de
ter amigos con verdadeira amizade, espertar xenerosidade na
colectividade dirixente e vivir con sentimento verdadeiro
o amor a unha xente e a unha cultura, o resto arrola pola
corredoira do destino sen maior dificultade.
Agora, sentado nesta cadeira, arroupado por todos vostedes,
sinto un lixeiro rebulir espiritual que me fai matinar. Quizá
en calquera invisible curruncho deste salón estea ollándonos
o paisano Afonso, o solidario Ramón, o comprometido
Lourenzo, o polifacético Luís, o innovador Eduardo...
A todos eles e a tantos outros que resulta imposible nomear
aquí, dende xa, quero pedirlles desculpas pola miña
ousadía ó vir a este altar da cultura galega
no exterior e subir a tan excelsa tribuna sabendo que anos
hai eles ocupárona e elevárona a cotas incalculables
na realidade do ser cultural galego. Tamén, a todos
eles, quero dende aquí agradecerlles o que pola nosa
cultura fixeron en vida e seguen a facer despois do seu pasamento.
O 20 de
marzo de 1963, tres membros da Real Academia Galega presentaron
nesa institución unha proposta histórica: Que
se declarase o día 17 de maio de cada ano Día
das Letras Galegas como data para recoller o material da actividade
intelectual galega.
Manuel Gómez Román, Xesús Ferro Couselo
e Francisco Fernández del Riego, afirmaban que con
motivo de se celebrar aquel ano o centenario da publicación
dos CANTARES GALLEGOS de Rosalía de Castro, a Academia
debería consagrar, con carácter de perdurabilidade,
o simbolismo que achegaba esta data nunha celebración
anual.
Estimaban que o libro rosaliano foi a primeira obra mestra
coa que contou a literatura galega contemporánea e
que a súa aparición veu a lle dar prestixio
universal á nosa fala como instrumento de creación
literaria. Concluían que representa un fito decisivo
na historia da renacencia cultural de Galicia.
O Día das Letras Galegas instaurábase, pois,
para potenciar, promover e espallar a nosa cultura. Para que
todo o mundo puidera ter constancia da realidade intelectual
dun país -o galego- que estaba moi lonxe de ver brillar
o sol no seu universo cultural.
Dende aquela data pasaron xa corenta anos. É hoxe cando
podemos e debemos reflexionar acerca de se os postulados que
por aquel entón moveron ós nosos intelectuais
para o lanzamento desta idea lograron algúns dos seus
obxectivos ou se, pola contra, o avance producido non foi
todo o axeitado que desexaramos.
Moitos foron os progresos que se fixeron. Moitos esforzos
que non tiñan no horizonte outro obxectivo que o de
devolver á cultura galega o sitio que lle correspondía
por historia, tradición e relevancia.
A lingua galega era en 1963 unha lingua case que sen competencias
escritas, unha lingua eminentemente oral que non tiña
unha consideración social axeitada. A lingua galega
estaba destinada a usos socialmente pouco prestixiados e,
pola contra, os usos de prestixio estaban reservados unicamente
para o castelán. Se ben xa nos anos 50 as medidas de
represión contra o galego atenuáronse; a medicina,
a empresa, a Administración, a Xustiza, a Igrexa...
(estamentos de consideración popular alta) todos se
desenvolvían en castelán. E o que é peor,
obrigaban a aqueles que tiñan a lingua galega como
exclusivo vehículo de comunicación, a adaptarse
ou asimilarse ó sistema lingüístico máis
forte. Esa e outras causas fixeron que houbese dous sistemas
comunicativos, que en teoría terían que ser
parellos e complementarios (como linguas certas dunha comunidade),
e que na realidade tiñan competencias de uso totalmente
dispares. Se ben na década dos 60 madureceu a primeira
xeración de galegos que non vira a Guerra Civil e que,
polo tanto, non tiña no seu maxín as terribles
imaxes de represión, o galego seguía reservado
para usos socialmente pouco considerados e o castelán
empregábase en actuacións de consideración
popular elevada.
(1) NEIRA VILAS, XOSÉ: Memorias dun neno labrego. Ed.
do Castro. |